lunes 8 de septiembre de 2008

Comentarios do Foro Social de Cangas ao proxecto de parque empresarial do Morrazo

Comentarios do Foro Social de Cangas ao proxecto de parque empresarial do Morrazo, no día en que remata o prazo de comentarios dentro da avaliación ambiental estratéxica ao documento de inicio do proxecto sectorial de parque empresarial e industrial do Morrazo

Comentarios

En primeiro lugar expresar o noso descontento polo xeito en que está discorrer a tramitación deste plan e a hipocrisía de presentalo agora en fase de documento de inicio cando, debido ao tempo e voltas que leva dado, estamos seguros de que existe documentación máis detallada da que se presenta, que temos dereito a coñecer, así cómo saber se estamos a iniciar realmente un plan ou estase simplemente cumprimentando un procedemento obrigatorio e preténdese simplemente validar o proxecto elaborado no seu día polo Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Parece evidente que un proxecto sectorial aprobado como de incidencia supramunicipal en 2004 polo Consello da Xunta ten que constar de máis documentación da que se presenta agora mesmo.
A Avaliación Ambiental Estratéxica non é unha ferramenta de avaliación ambiental a posteriori. É a ferramenta para a integración do medio ambiente no proceso de decisións que conforman o deseño do plan. É, polo tanto, a única ferramenta posible para deseñar o plan dende o punto de vista ambiental, xunto cos demais factores (económicos, técnicos, sociais).
Anunciamos a nosa intención de reclamar, segundo expresado na lei 27/2006, de 18 de xullo, de acceso á información ambiental, a documentación de relevancia ambiental no referente ao proxecto aprobado pola Xunta e verificar á adaptación do pretendido novo proxecto actual aos requirimentos da lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas sobre o medio ambiente e o R.D 1/2008 que a modifica.
Feitas estas puntualizacións, expresamos a nosa preocupación pola falla na comarca de chan industrial axeitado, falla, que no caso de Cangas provén xa dende fai alomenos 15 anos e gustaríanos que se traballara seriamente cara a un proxecto de parque industrial axeitado ás necesidades da comarca e profundamente respectuoso co medio ambiente, a paisaxe, o entorno rural e o patrimonio sociocultural e histórico, escollendo para iso a ubicación máis adecuada. Parecenos incongruente a presentación dun documento de inicio cunha ubicación única e cunha superficie concreta de partida.
Pasamos a analizar o contido do documento de inicio:
Obxectivos:
• Recalcar a intención de conseguir unha mellor situación para o sector industrial da comarca, un parque así ten que ser concibido para as necesidades do tecido industrial do Morrazo, e non para servir á necesidades alleas a ela, nin como provisión de grandes cantidades de chan a alto prezo ambiental, nin como situación de actividades molestas, contaminantes e perigosas a alonxar dos grandes núcleos de poboación.
• Con ese obxectivo básico, parécenos fundamental un estudio profundo e serio das necesidades de chan industrial da comarca, escalando no tempo as necesidades e a realización de distintas fases que as vaian cumprimentando. Tamén nos parece que pode ser adecuado o estudio de diferentes ubicacións de menor tamaño coordinadas entre si e de menor impacto ambiental puntual.
• Nos equipamentos de apoio tense que ter en conta de xeito relevante xa dende un principio, os equipamentos de depuración de augas residuais industriais, de tratamento de residuos industriais, de utilización racional da enerxía, de control de emisións contaminantes, nocivas ou perigosas, de control da contaminación lumínica e acústica e de atención a sinistros e emerxencias.
• O solo apto para o asentamento das empresas, debido á abrupta orografía do Morrazo e concretamente da área que presenta o documento como inicialmente escollida tería que adaptarse a criterios de mínimo impacto e mínima alteración do terreo, para non chegar a ilóxicos desmontes e recheos que incidirían enormemente no prezo final do chan e polo tanto na viabilidade das empresas a instalar. É fundamental o estudo de diferentes ubicacións alternativas, sempre con referencia as necesidades reais da comarca, aínda que por desgraza, debido a falla de chan, calquera cantidade, por mínima que sexa, vai a ser benvida se se cumpren os condicionantes ambientais adecuados.
• No referinte aos espazos libres que “articulen internamente as diferentes áreas edificables” preferiríamos que non formaran parte directamente do parque industrial mesmo. Hai exemplos de sobra de patéticas “zonas verdes” no medio de naves industriais, abandonadas, sen deseño apropiado nin mantemento, que acaban desaparecendo nunha fase seguinte para construír máis naves sobre elas. Un deseño de parque industrial integrado no entorno, non obrigatoriamente concentrado nunha única illa, rodeado de chan coa cualificación de protección forestal, a ser posible dedicada á especies autóctonas non pirófitas e respectando escrupulosamente as proteccións e policía de cauces de ríos, debería ser a configuración máis adecuada.
• Aparte de considerar que as edificacións deban ser de alta calidade en materiais e deseño, haberá que crear e aplicar a normativa adecuada para aseguralo, senón parece un brindes ao sol máis aos que a administración pública nos ten habituados.
• Para que os elementos ou sistemas xerais exteriores ao ámbito de actuación teñan a adecuada conexión co parque proposto haberá que existir unha importante coordinación cos PXOM locais, en fase de preavance no caso de Cangas. Esta coordinación debera estar articulada de algunha maneira concreta, e terá que ser transparente aos cidadáns.
• Dicir que se tentará respectar e protexer o medio ambiente “na medida do posible”, non é dicir moito. Débese asegurar a protección e policía de cauces, a protección de espazos naturais, as áreas de cautela patrimoniais e toda a lexislación sobre medio ambiente patrimonio e paisaxe actualmente en vigor, dunha maneira estrita.

Ámbito territorial
• Propoñemos non efectuar intervencións en zonas con pendentes superiores ao 15%. Se fora certo que a media da pendente na área proposta no documento, como parece querer dicir este é do 15%, ao menos a metade da zona escollida non tería que ser excluída. Aínda que segundo a información ao noso alcance, na área que propón o documento, no concello de Cangas só a porción situada ao SE da vía rápida, situada na cabeceira do río Orxás tería menos de ese 15% de pendente, pero interferiría coa policia de cauces.
• Por razóns de proximidade ao núcleo tradicional de Gandón (o documento cita Caroseiro, que é unha zona cercana ao núcleo de Gandón), e tamén pola súa clinometría, superior ao 30% de pendente nun 95% da área, non parece adecuada a área proposta ao S da vía rápida, nas proximidades da súa rotonda final. Lémbrase que a normativa RAMIMP esixía un alonxamento dos núcleos de poboación de alomenos 2.000 m para as actividades nocivas, molestas e perigosas. A lexislación en vigor sobre ese tema está no R. D. 133/2008, de 12 de xuño.
• Por razón de proximidade, tampouco parece adecuada a proposta en relación ao núcleo de Bon de arriba, no concello de Bueu.
• Non é de recibo a proposta illada deste polígono industrial como se fora o único que se pretende instalar no Morrazo. Parecen existir propostas de máis parques noutros puntos do Morrazo como Marín, Moaña, etc. polo que a proposta e estudo das afeccións ambientais deben facerxe en conxunto para a totalidade da superficie a ocupar polos parques industriais na totalidade do Morrazo. Debe quedar claro dende o inicio, a superficie total de terreo industrial que se pretende crear no Morrazo e o número de parcelas equivalentes (ou nº de postos de traballo aproximados que se crearán). En caso contrario pode acontecer que se esté a aniquilar unha superficie natural máis alta da que posteriormente será ocupada pola industria, cos conseguintes prexuizos ambientais sen contraprestacións económicas, dando lugar a parcelas baleiras, como acontece noutros polígonos xa creados, nos que as parcelas pasan a formar parte do mercado especulativo do solo, ao estar en mans duns poucos propietarios.

Diagnose da situación actual
• Non se cita o estado actual de redacción dos plans xerais de ordenación municipal de Bueu e Cangas, o segundo en fase de preavance.
• Non se cita o prazo que teñen os concellos para adaptarse a este pretendido proxecto de incidencia supramunicipal. Seguimos sen comprender como se pode ter aprobada a incidencia supramunicipal dun proxecto que está na súa fase de inicio.
• Pareceríanos importante a integración deste proxecto e o polígono industrial de Castiñeiras, citado como de Beluso no documento, se esta fora unha das ubicacións consideradas idóneas.
• Non se entende a referencia no documento aos dereitos mineiros dentro da área de parque proposta. Parecería lóxico que nese caso a actividade mineira cesara para deixar paso á actividade industrial. Débese clarificar esta situación, parecen actividades non compatibles. A legalidade actual desta explotación mineira parécenos dubidosa.
• Con referencia á rede viaria en relación coa ubicación proposta, a entrada máis lóxica do parque sería na rotonda de saída da VR-4.1 para o parque de Castiñeiras. No enlace coa C-550 atópase a entrada das canteiras e as pendentes son superiores ao 30%.
• Bótase de menos nun parque industrial da superficie do proposto unha conexión mediante o medio de transporte máis sustentable e económico: o ferrocarril. A súa ausencia e a falla asimesmo de algunha boa e cercana conexión co transporte marítimo pode ser unha circunstancia que obrigue a restrinxir moi seriamente a superficie proposta.
• No referente ao abastecemento de auga deberíanse concretar os plans previstos, o documento recoñece que a zona proposta non conta cunha rede de importancia.
• O mesmo para o saneamento, recoñécese que as EDAR de Cangas e Bueu atópanse superadas. Deberíanse concretar os equipamentos de depuración de augas residuais industriais previstos, de tratamento de residuos industriais, de utilización racional da enerxía e a auga, e de control de emisións contaminantes, nocivas ou perigosas. En caso de non facelo, paralizar o proxecto.
• Sería obrigado tamén concretar os posibles puntos de vertido final, xa que o polígono en sí non será unha illa e terá que verter obrigatoriamente nun punto da costa ou a un río, o Orxás ou o Nosedo (este desemboca en Rede Natura) no caso da proposta do documento, que se vería hipotecado e arrasado no momento en que ocorrera un accidente (véxase BRENTAGG-Río Úmia ou o recente accidente acontecido no río Lagares), xa que, coa ubicación proposta, tódolos contaminantes se introducirían na cabeceira do río, aniquilando en caso de vertido a súa flora e fauna sen posibilidade de recolonización, ao tratarse dunha cunca reducida e sen afluentes nos que se puideran resgardar os elementos biolóxicos no caso dun vertido grave. No esteiro do Orxás atopanse explotacións marisqueiras.
• O mesmo para o subministro eléctrico, propoñer unha ubicación para un macroparque industrial parece incompatible con deixar á improvisación os seus aspectos fundamentais.
• Antes sequera de propoñer unha ubicación, as boas prácticas sinalan a necesidade dunha avaliación ambiental previa. Para non facer un traballo inútil, nin sequera como documento de inicio, se o territorio non é axeitado polo seu alto valor ambiental. (A verdade é que a Avaliación Ambiental do territorio debería estar feita, hai anos, pola Xunta e polos Concellos, unha AA de toda Galiza, e que os redactores de proxectos haberían de utilizar e, se fose preciso, actualizar e desenvolver polo polo miúdo). A racionalidade e a boa práctica ditan que tal avaliación ambiental previa do territorio debería acompañar ao documento de inicio na consulta. A área de estudo proposta neste caso atópase nunha fermosa cordilleira costeira que bordea a ría de Aldán, ría de privilexiado estado natural e paisaxístico que ten da actividade pesqueira e o turismo o seu principal eixo económico. Os efectos de urbanización da área proposta e unha posible actividade industrial posterior poderían atacar frontalmente os valores deste eixo.
• Resaltar a diferenciación de Gandón, ao S da área proposta no documento como núcleo poboacional tradicional e Bon de arriba, coa mesma tipoloxía.
• Resaltar a existencia dun proceso xurídico en curso de reclamación da titularidade veciñal dos montes en man común da parroquia de Aldán. Parte de estes terreos foron vendidos pola empresa Promalar S.A. ao Consorcio Zona Franca de Vigo, nun proceso que foi cualificado polo anterior delegado do Consorcio, Francisco López Peña, de “cúmulo de responsabilidades legais” e “indicios de maquinación en fraude”.

Descrición do proxecto sectorial
Función do proxecto sectorial
• Contrapoñéndose ao obxectivo citado de conseguir unha mellor posición loxística para o sector industrial da comarca, agora aparece no documento que a función do plan é cumprimentar a ampla demanda de solo industrial da área metropolitana de Vigo. Isto coincide coa presenza do Consorcio de Zona Franca de Vigo como promotora do plan e pódese intuír que a maioría das infraestruturas serían zonas de almacenaxe de containers, bloques de granito, automobiles e outro tipo de mercadorías de transporte marítimo, que non tería ningún tipo de repercusión positiva nos municipios afectados, sobre todo en canto á creación de emprego, senón máis ben, polos seus efectos nocivos no medio, todo o contrario.

Marco normativo
• Debido á superposición no tempo entre este proxecto e os PXOM de Cangas e Bueu, ten que estar articulada correctamente a súa coordinación.
• Pensamos que a lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia é de aplicación neste caso.
• Pensamos que o R.D. lexislativo 1/2008, de 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, terase que ter en conta pois deroga disposicións contidas na lei 9/2006 e a 6/2001.
• Asimesmo, terase que ter en conta o R.D. 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental.

Alcance e contido
Alternativas
• Este documento de inicio presenta a incongruencia de querer presentar como novo plan un proxecto xa redactado cunha ubicación concreta. A Avaliación Ambiental Estratéxica non se pode facer sen avaliar alternativas razoables. É o corazón da avaliación, porque é o corazón do deseño ambiental do plan. Para iso nesta fase actual débese considerar a necesidade dun plan que deseñe un parque empresarial e industrial no Morrazo, e definir os primeiros pasos para decidir a súa ubicación.
• O proceso, dacordo coa racionalidade e a boa práctica, é: exploración de alternativas – selección de alternativas razoables – selección da alternativa óptima. E a selección faise mediante avaliación. Técnica, económica, social... e ambiental. En este momento, pensamos que se trata de definir as características que deberían ter as opcións de dimensionamento ou configuración do parque (único ou múltiple) e as ubicacións concretas que se puideran propoñer.
• A ordenación de accesos e redes citada no documento tense que realizar no marco dun correcto deseño de política territorial, bótase de menos a existencia dun Plan Galego de infraestruturas industriais, e, que fora feita contando de maneira moi directa cos concellos e a poboación da comarca.
• A insinuación de que o plan sirva para o desenvolvemento de equipamentos para poñer a disposición dos concellos semella un intento de compra de vontades que introduce un elemento non técnico que parécenos fora de lugar.
• Para a elección de alternativas viables, tanto en canto a dimensións como a ubicación, pensamos que tense que contar con todo o territorio correspondente aos concellos da comarca: Vilaboa, Marín, Bueu, Moaña e Cangas.
Tipos de medidas
• Hai leis que marcan estas pautas e criterios.
Aproximación aos efectos previsibles
Efectos sobre o solo
• Posible ocupación directa dunha grande cantidade de territorio.
• Posible ocupación indirecta por recheo con rochas e terra dos desmontes.
• Efectos de posibles desmontes, afección xeomorfolóxica e hidrolóxica e, polo tanto, ambiental, paisaxística e cultural.
• Hai que estudar a morfoloxía das zonas candidatas e a posible dificultade e antieconomicidade de traballos de preparación do terreo para naves en zonas rochosas e de forte pendente.
• O aumento da superficie impermeable que ocasionaría un Parque destas dimensións pode conlevar serios problemas na xa deficiente rede de augas pluviais destes municipios, aumentando inda mais o risco e intensidade das inundacións, no caso da proposta presentada: en Bueu e na cunca de Aldán.
Efectos sobre a fauna, a flora e a paisaxe
• Debido á pretendida envergadura do proxecto, parece pouco seria a afirmación do documento de que a aprobación en si non ten efecto ningún, unha sentenza de morte tampouco: é o garrote ao final o que fai o traballo.
• Parécenos moi importante a posible afección á flora e fauna dos vales que toman as augas da única área proposta no documento, e incluso aos recursos marisqueiros, acuícolas e pesqueiros da ría de Aldán e Bueu, por posible contaminación debida a vertidos (agora mesmo xa podemos constatar a existencia de vertidos á cunca do Orxás de lixiviados procedentes da planta empacadora de Castiñeiras). Os Parques fanse ata agora sen depuradora propia. E sen sistema de contención de derrames por fuga de produtos químicos perigosos, non en materia de combustibilidade, explosividade ou toxicidade, que eses están contemplados na lei, senón perigosos para o medio ambiente, como aceites ou deterxentes. E sen sistema de contención de auga de extinción, contaminada en caso de incendio, que pasa ao terreo, á capa freática, aos regos e leitos fluviais e á ría. Ademais da depuradora fai falla un tanque de emerxencia para derrames e para a auga utilizada (e contaminada) na extinción (con válvulas de desvío do sistema de augas pluviais). 3.000 l/min de auga por 2 horas dan 360 m3. O único xeito de minimizar o tamaño do tanque de emerxencia e de minimizar os danos ao medio é facer obrigatorios sistemas automáticos de extinción, que minimicen o emprego de auga no control do incendio en fase moi temperá. Pensamos que o Regulamento de Protección Contra Incendios na Industria non fai obrigatorios os sistemas de extinción automática salvo para produtos inflamables ou cunha alta carga térmica, non sendoo para produtos como os devanditos, que non son perigosos salvo para o medio ambiente. Coidamos que tampouco esixe depósitos de emerxencia para a contención da auga de extinción contaminada. Temos os tristes exemplos de Brentagg en caldas de Reis e esta mesma semana en Vigo, no Lagares, como corroboración da lexitimidade de nosa preocupación.
• O efecto sobre a paisaxe é especialmente forte nunha ría en moi bo estado de conservación aínda que sen figura global de protección, salientar a cercanía do Parque Nacional das Illas Atlánticas (fálase dunha posible ampliación á costa da Vela e Punta Couso), do LIC marítimo terrestre de Cabo Udra (situado a menos de 500 m da área proposta) e as pretensións da zona de aspirar a un aproveitamento turístico de calidade.
• Deberáse considerar o efecto sobre as explotacións forestais presentes nas áreas que se propoñan e o seu efecto socioeconómico, no contexto das especies explotadas actualmente e no dunha posible explotación de especies autóctonas de calidade, ou de posibles rendementos cinexéticos, agrogandeiros, apícolas ou micolóxicos .
Efectos sobre espazos naturais e hábitats
• Nomeada a cercanía do LIC Cabo de Udra, precísase un detido estudo dos hábitats presentes nas áreas que se propoñan ou que puideran estar afectados polos efectos do posible parque.
Patrimonio arqueolóxico
• Atópase dentro da área proposta no documento o xacemento calcolítico GA36008027, que afecta á maior parte da área situada ao S da vía rápida, polo que parece evidente a exclusión total de este sector.
• Debérase facer un estudo serio dos xacementos clasificados e outros que puideran aparecer co fin de respectar estritamente as leis vixentes en materia patrimonial.
Ordenación do territorio e socioeconomía
• A afirmación de que é posible que este proxecto produza unha modificación do valor económico do chan que puidera levar un beneficio económico aos propietarios de terreos dentro do ámbito escollido é malévola, xa que supoñemos que a provisión de terreos faríase por expropiación forzosa. Os redactores do documento non teñen porque supoñer que a posible cualificación ou rendementos e valor destes terreos non poda variar nun futuro e alcanzar valores máis altos, que dende logo serían en venta libre, dos que resulten dunha expropiación forzosa para chan industrial.
Plans e directrices sectoriais
• Recalcamos a falla dun plan de infraestruturas industriais de rango superior e a aparente falla de coordinación cos PXOMs locais.

Procesos a seguir para a elaboración do proxecto sectorial
Recompilación da información
• Recalcamos a necesidade de obter datos de emprazamentos alternativos a comparar, non de un emprazamento único.
Avaliación ambiental estratéxica
• Non se detalla a fase do proceso de decisión no que nos atopamos (tal como se pide no artigo 9.2c) da lei 9/2006)
• Na explicación do procedemento omítese a existencia do propio documento de inicio, que debera ir acompañado dunha avaliación ambiental previa. Este documento coa consideración das presentes consultas dará lugar a un documento de referencia que servirá de base para o estudio técnico do plan, o estudio de alternativas e o seu impacto ambiental e a selección da óptima, na que se baseará un proxecto preliminar e un informe ambiental, que estarán de novo a información pública.


Foro Social de Cangas: 8 setembro 2008

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE