miércoles 27 de agosto de 2008

Músicos galegos e americanos comparten escenario no Canjazz


A impresionante voz da neoiorquina Doris Cales lidera o quinteto que tocará mañá en Cangas


27/8/08.- Destacados músicos de ambas as dúas beiras do Atlántico compartirán esta noite escenario no Canjazz 2008, o Festival Internacional de Jazz que se celebra na vila pontevedresa de Cangas ata o vindeiro venres 29 de agosto. O Eirado do Costal acollerá a partir das 22.30 horas o concerto estelar do Marcus Strickland-Lage Lund Canjazz Reunion, un proxecto que xunta ós dous xenios chegados de New York con tres destacados jazzistas galegos, Xan Campos, Iago Fernández e José Carlos Ferro. Mañá será a quenda para o Doris Cales Quintet.

O saxofonista Marcus Strickland foi elixido Mellor Artista Revelación hai dous anos polos lectores dunha prestixiosa publicación estadounidense e varios discos nos que participou estiveron nominados ós premios Grammy. Adoita acompañar a músicos da talla de Dave Douglas ou o lendario batería Roy Haynes, aínda que tamén editou varios traballos propios e o seu estilo foi loubado pola crítica.

Algo semellante lle ocorre ó guitarrista Lage Lund, orixinario de Noruega. Co obxectivo de forxar unha carreira no mundo do jazz, cursou estudos en Boston primeiro, e en New York despois. Lund, que participou en numerosas gravacións, conta con diversos premios e ten colaborado con prestixiosos artistas coma Carmen Lundy, David Sánchez e Jaleel Shaw, entre outros.

O Canjazz Reunion editará un disco

A iniciativa do Canjazz Reunion vai máis alá do concerto de hoxe en Cangas e o conxunto creado para a ocasión quedará para a posteridade coa gravación dun disco. Trátase dunha das maiores apostas que se teñen feito na historia do jazz en Galicia, xa que traza unha ponte musical con New York que equipara ós nosos intérpretes coas grandes estrelas americanas.

No grupo participan o santiagués José Carlos Ferro e os mozos cangueses Xan Campos e Iago Fernández, que despois de pasar polo Conservatorio do Morrazo comezaron a especializarse no jazz a través do Seminario Permanente de Pontevedra, onde recibiron clases cos dous meirandes representantes desta disciplina en Galicia, Abe Rábade e Paco Charlín, ademais de asistir ás master classes doutros grandes mestres internacionais. Paralelamente ás actuacións con músicos de recoñecemento mundial coma Johnatan Blake e John O’Gallagher, cursan estudos superiores da especialidade no Musikene de Euskadi.

Unha voz chea de sentimento

A programación do Canjazz 2008 continúa mañá xoves 28 no Eirado do Costal coa actuación do Doris Cales Quintet, a partir das 22.30 horas. Nacida no barrio neoiorquino de Brooklin no seo dunha familia de artistas, Cales conseguirá poñerlle a pel de galiña ó público de Cangas coa súa magnífica voz, chea de forza, sentimento e un ‘feeling’ abraiante. Lionel Ritchie, Serrat ou Raimundo Amador son só algúns dos nomes cos que ten compartido escenario antes de impulsar a súa carreira como solista, unha vez afincada en Madrid. Dende entón ten colaborado coa canteira moza do jazz en Galicia, mesmo editando un disco conxunto.

Xunto a neoiorquina estará sobre as táboas do Canjazz o reputado batería madrileño Juanma Barroso, que ademais de contar con máis dunha decena de discos toca xunto a músicos internacionais do calado de Bobby Mc Ferry, Deborah Davis, Chano Domínguez ou Sonny Fortune. O quinteto complétase con tres músicos galegos. O cangués Javier Pereiro, alcumado ‘Gdjazz’, encargarase da trompeta, que leva tocando dende os 9 anos. Juansy Santomé, de Moaña, vai facer o propio co contrabaixo e o nigranés Felipe Villar, coa guitarra.

Hoxe e mañá haberá tamén pasarrúas a cargo da Gdjazz Street Band, con animados percorridos de 13 a 14 horas e de 20 a 21 horas. O local Plantaciones da Rúa Real seguirá acollendo as jam-sessions a partir da media noite, coa formación The Khronology Trio.